A pasión e a poesía de Miguel Hernández polo Teatro Meridional

xoves 30 setembro 2010

Este venres, 1 de outubro, o TLO abre a temporada teatral con Miguel Hernández, unha montaxe teatral do Teatro Meridional, no centenario do nacemento do poeta de Orihuela, que se cumprirá o próximo 30 de outubro.

Un Miguel Hernández preso no cárcere de Alacant é visitado por Josefina, a súa muller; Ramón Sijé, o seu amigo da infancia; Pablo Neruda, amigo e poeta polo que sinte admiración; e unha misteriosa muller que quizás coñeceu en Madrid... Todos se achegaron ao poeta nos últimos días da súa vida e esa visita levaranos directamente ao pasado, aos anos de mocidade, á República, aos anos da guerra, e será unha viaxe apaixonada polos versos da vida, do amor e da morte.

O espectáculo está dirixido por Marina Seresevsky e Álvaro Lavín e interpretado por Álvaro Lavín, Esteban Pico, Óscar Sánchez Zafra, Paloma Vidal e Susana Hernáiz. O Teatro Meridional é unha compañía formada por actores de varias nacionalidades e cunha sólida traxectoria que se inicia en 1992. O noso teatro programou dúas das súas montaxes: Cyrano e La verdadera historia de los Hermanos Marx, sendo esta a terceira vez que nos visitan.

Venres 1 outubro. 21 horas. Teatro Lauro Olmo. Público: Adulto. Duración: 1h 15 min.